Faro de Vigo
Quizais o nome non che soe pero si a nova moda de abrazar a unha árbore para sentirse mellor. Que hai
de científico niso? En abrazar unha árbore, non moito, a verdade (e encima,
pódeste pór perdido de resina). Pero en ir ao bosque a dar un paseo, si. E
moito.
Numerosas investigacións
científicas demostraron que nas madeiras das árbores hai un aceite
esencial, que, en contacto co aire, se esparce e entra no noso organismo a
través do olfacto. Nese aceite, atópanse as fitoncidas (as máis importantes son
o alpha-pinene e o limonene), que aumentan as nosas células NK (Natural
Killers). As células NK son as que se encargan de combater ás células
canceríxenas ou precanceríxenas, manteñen baixo control as bacterias e son unha
barreira para os virus.
É dicir, cantas máis células NK
teñamos, mellor estará o noso sistema inmunolóxico, incluída a
loita contra o cancro que libramos cada día. Tendo en conta que a partir dos 40
anos temos entre 10 e 20 intentos diarios de cancro, este é un dato a ter en
conta.
Un paseo dun par de horas
por zona boscosa (bosques ou xardíns urbanos) fai que os nosos niveis
de NK se manteñan máis elevados durante 3 a 4 semanas (nos homes permanecen máis
tempo que nas mulleres, aínda non se sabe porqué).
Ademais, tamén se demostrou
que os nosos niveis de cortisol, adrenalina e noradrelina (hormonas
relacionadas coa tensión, a ansiedade e a depresión) diminúen. Está
demostrado que a tensión inhibe a función inmunitaria. Os baños de bosque
baixan a activación do sistema simpático (que se activa coa tensión), e activan
a función do sistema nervioso parasimpático (que busca o equilibro do corpo).
A conclusión de toda esta
explicación é que os paseos polo bosque (ou xardíns urbanos) melloran
substancialmente o noso sistema inmunolóxico e reducen a tensión.
Así que che propoño que, entre os
teus propósitos de Ano Novo, inclúas o de dar polo menos un paseo polo bosque
cada mes durante un par de horas.